martes, 9 de noviembre de 2010

ESPACIO RECREATIVO FLUVIAL


EQUIPAMENTOS LÚDICOS PARA A ÁREA 
RECREATIVA DO MANDEO, EN REBOREDO,
OZA DOS RIOS.

      A intervención sitúase nun ámbito moi agradable no que a vexetación e o río son os protagonistas. A proposta formulada trata de poñer en valor este ámbito natural sen que os elementos que se introducen compitan en modo ningún con estas preexistencias. Deste xeito o proxecto formula introducir unha serie de estruturas moi permeables visualmente formadas por postes de madeira, cables tensados e maias, de forma que estas pezas non interfiran na contemplación da paisaxe. Formúlase a roza, limpeza e acondicionamento da zona de acceso á praia fluvial, empregando para iso materiais blandos como a terra compactada e a herba.
      Ó longo das distintas masas boscosas existentes na zona dispóñense unha serie de circuítos  elevados realizados a través de cordas, cachopas de madeira e mallas ancoradas ás árbores (así como a unha serie de postes verticais de madeira natural).
      Nun dos claros do bosque, dispoñerase unha zona de pavimento de garbancillo cun peche de postes de madeira, dentro do cal se situarán elementos figurativos de madeira natural, pensada como zona lúdica para nenos de curta idade. Para cruzar o rio dispoñerase un pasadoiro ou pasal.
      "As pondras ou pasos, son pedras colocadas non río de maneira que permiten pasar a pé enxoito. Se o río non vai moi cheo, pode pasar unha persoa, saltando de pedra en pedra. Están situadas nos vaos, é decir, naqueles lugares dos ríos onde hai moi pouca profundidade, vinte a trinta centímetros. As bestas e o gando poden normalmente pasar a beira".
      Proxéctase a colocación dunha tirolina, con postes de madeira e cables de aceiro, así como un bambán de madeira.
      Dispóñense unha serie de bancos e tumbonas de madeira de acacia, en zonas que permitan gozar das fermosas vistas do rio. Á súa vez, substituiranse unha serie de grellas existentes e  dispoñerase un panel didáctico sobre as especies vexetais da zona, así como un sinal informativo sobre as zonas lúdicas.
      Disponse un panel sonoro, que se carga cunha manivela polo propio usuario e non necesita conexión a ningunha rede eléctrica ou de datos. Unha vez conseguida a enerxía precisa, o usuario pode elixir idioma ou temática entre varios botóns. Os contidos das gravacións será información sobre a vexetación da zona.
     Dispoñerase unha silueta de aceiro cortén duns dous metros de altura, que representará algunha imaxe figurativa asociada á temática específica e conterá o nome do proxecto así como información do conxunto das intervencions (plano das distintas zonas, etc.).

No hay comentarios:

Publicar un comentario