jueves, 3 de noviembre de 2011

NIN EN LUGO NIN EN GAFOI

Onte caeu nas miñas mans unha axenda escolar deseñada e confeccionada polo Equipo de Normalización Lingüística do IES de Curtis. O primeiro que reclama a miña atención é a portada, reprodución dun cadro da pintora María Antonia Dans, nacida na localidade de Oza dos Ríos, e nai da soada actriz Rosalía Dans ("Los gozos y las sombras); de ambas teremos ocasión de falar nun futuro próximo, por motivos estritamente institucionais.
Abro a axenda e xulgo moi acertada a presentación, con calendario de exames, tarefas, entrega de boletíns, instrucións xerais, técnicas de estudo, información do centro e a súa contorna, etc. Avanzo para coñecer a súa estrutura e observo de bo grado que antes de cada mes introdúcese unha ficha con información da contorna, tradicións ou personaxes da nosa historia e do mundo da cultura: Álvaro Cunqueiro, María Miramontes, Isabel Ríos, Valentín Paz Andrade e Luís Porteiro Garea. Recoñezo o meu descoñecemento deste último e entono o "mea culpa" pola miña ignorancia, indubidablemente supina. Leo a reseña biográfica que contén a ficha da axenda:

LUIS PORTEIRO GAREA
Lugo, 1889-Frades, 1918

Avogado, xornalista, relator, activista cultural e político, membro das Irmandades da Fala e do grupo Nós, Porteiro Garea deixou unha forte pegada na Galicia do seu tempo. Morto prematuramente, a consecuencia da pandemia de gripe que asolou Europa no 1918, os seus restos mortais descansan no cemiterio de Gafoi (Pontecarreira), a moi poucos quilómetros de Curtis. Pertencía a unha xeración moi formada intelectualmente e comenzou a dar os seus primeiros pasos como funcionario municipal en Arzúa, cando aínda non cumprira a maioría de idade, daquela fixada en 25 anos. Licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse en Madrid en 1914 coa tese "El sistema parlamentario en España y sus relaciones con el caciquismo".
Moi pronto acadou unha cátedra na Universidade de Santiago de Compostela, onde pronunciou a primeira conferencia en galego que se daba nesta institución: "A transformación do dereito civil pola grande guerra". Como figura destacada do galeguismo foi elixido concelleiro agrarista e nomeado presidente da Irmandade da Fala de Santiago de Compostela.
Porteiro Garea foi un dos creadores do nacionalismo galego e apostou por superar as revindicacións puramente lingüísticas e culturais e avanzar cara a creación dunha organización política. Foi colaborador de diversas publicacións como "El Radical", "Gaceta de Madrid", "Estudios Gallegos" e "A Nosa Terra". 

Despois desto, nun recuncho da miña memoria antóxaseme, sen saber o motivo, que este tal Luis Porteiro garda algunha relación con Ramón Cabanillas, cuxa obra tan ben coñezo. Acudo ás fontes de coñecemento da rede... bingo! A él lle adicou Ramón Cabanillas o célebre poema "En pé", que moitos pensarán que é de Juan Pardo, pois fixo unha versión cantada do mesmo. Reprodúzoo deseguido:



EN PÉ
(A Luis Porteiro)
¡Irmans! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazon aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra a man da oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira da Galiza,
¡cantémo-lo direito á libre nova vida!
Validos de traidores
a noite Frouseira
a patria esclavizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo
xa afrouxan as cadeas...
¡Irmans asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!
¡Irmans no amor á Suevia
de lexendaria historia,
a non morrer sen loita!
¡O dia do Medulio
con sangue quente e roxa
mercamo-lo direito
á libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
A nosa Terra é nosa "
Ramon Cabanillas


No diario do 6 de decembro de La Voz de Galicia (hemeroteca la voz dixital), edición de Lugo, na sección de opinión, Tribuna, publícase un artigo firmado por Manuel Xosé Neira, que comenta o seguinte: "PORTEIRO Garea naceu en Lugo no comezo do século, pero ninguén sabe onde, digo a rúa. Merece só por iso ter no lugar de nacemento unha placa afortalando a nacencia do lider nacionalista, á sazón unha das glorias perdidas no cumio da súa opertividade moza, moi novo, coma Manoel Antonio, Xohán Vicente Viqueira e outros. Formaba parte dunha xeración moi formada intelectualmente ao carón do propio Viqueira, os irmáns Vilar Ponte, Antón e Ramón ou Vicente Risco e Castelao sen esquencernos de Losada Diéguez, outro grande esquencido.
Non sei eu se era tan rusófilo coma o novelista Luís Manteiga, tan chorado na súa morte por Ánxel Fole quen deixa constancia das súas estadías na nosa cidade do Miño. Porteiro Garea e Luís Manteiga merecen dúas e senllas rúas con placa incluída. Non semella un dislate que estean todos estes esquencidos no rueiro lugués cando un gran xornalista e guieiro do provincialismo galego chamado Aureliano J. Pereira carece de placa, roubada pola inquina do tempo na praciña, na bocarrúa que está por detrás da praza do Campo. Este semella o destino dos grandes homes de letras e políticos lugueses: un monumental olvido. Manteiga chegou nada menos que a finalista do Nadal de Literatura".
Polo que sei, non se fixo realidade a anterior petición. Nin el Lugo, onde naceu, nin en Gafoi (Concello de Frades), onde morou e morreu. Desde esta tribuna deixo constancia desa carencia, e encarezo ao Alcalde e Corporación do benquerido Concello de Frades que tomen nota e actúen en consecuencia. Por encima das ideoloxías están os ideais, de seguro confluentes no amor á nosa terra, con independencia das diversas interpretacións da realidade que cada un de nós lexítimamente defendamos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario